Archive Page 2
Terceira anotación
O educador-comisario-artista (posprodutor de sentido).
Educar en arte. Non sen medo poderiamos escribir aquí que a educación artística é o conxunto de accións na sociedade que axudan a comprender a natureza da creación. O educador en arte traballa como un catalizador máis do impulso creativo. Localiza a fonte que está a xerar novos significados culturais e dispón recursos cara o cidadán para ampliar as posibilidades da súa experiencia. Cando unha obra de arte sométese á exposición pública, o xesto deixa de pertencer ao artista e pasa ao dominio público. As reglas do xogo amplíanse e o sentido da peza multiplícase, deriva nunha rede expansiva de significacións que xorde doutros moitos procesos de creación. Estes procesos son os desenvolvidos na nosa mente ca finalidade de atopar códigos axeitados mediante os cales relacionarnos coa natureza desa creación (lémbrome de participar nun obradoiro no que acabamos roubando unha peza dixital exposta nun museo, para devolverlle as súas connotacións non artísticas ao xeito dun post-ready-made; ou ben metendo a cachola nunha xeitosa peza minimalista porque soaba realmente ben) O artista é a persoa que fai deste mesmo proceso en sociedade unha traxectoria amplificada e formalizada.
A obra de arte é unha ferramenta para complexizar o noso mundo. É unha acción que constrúe variacións da vida normalizadora e que irregulariza o cotián. Lonxe de facilitar a reutilización dun código de comprensión habitual, propulsa a creación doutros novos conectados cos anteriores. O pon difícil e che esixe implicación. Amplía o mapa neural, leva á imaxinación cara lugares insospeitados e oblíganos a posibilitar novas pontes para contactar con ela. A creación esíxenos creación. O educador en arte non é alleo a este proceso. É un apropiacionista sen escrúpulos que forza diferentes xeitos de relación coa obra. É un axitador de públicos, un activista da participación e un deconstrutor de pontes. O seu traballo consiste en facer aristas na planitude, manter a duda onde hai risco de certeza e combatir o consenso coa axuda da diferencia. O educador en arte, mais que abrir camiños para os que veñen, ten que obstaculizar intelixentemente os que xa foron transitados nalgún momento.
As prácticas museolóxicas actuais valoran enormemente a participación cidadá representada en grupos de heteroxénea proveniencia. Traballar na confluencia de distintos saberes supón renegar da educación artística heredada da modernidade, que se basaba na división disciplinar e técnica das habilidades de producción material. Esta compartimentación da pedagoxía artística en función do formal foi abandoada pola consecuente tecnificación e a perda de capacidade crítica ciudadana na que desemboca. Frente ás inercias do mundo especializado da arte contemporánea, a educación en arte ten o papel de estudiar as dinámicas da creación e reutilizalas como parte dos procesos de aprendizaxe cos que nos construímos a nós mesmos. Non educamos en artistas nin tampouco en obras. Educamos na democracia radical de ser quen queiramos ser en cada momento.
Os discursos de comisarios e educadores sofren nas relacións direccionadas e xerárquicas. O sistema exposición-espectador exerce un forte influxo nas actitudes dos públicos, xa que a materia prima coa que traballa preséntase de principio como o marco axeitado para a participación en cultura. Primeiro constrúese un producto, e logo, búscase (ou fabrícase) a necesidade, accesibilidade e identidade da participación. Con Ponlle nome queremos plantexar a posibilidade de inversión dese proceso. Tan só des-fixemos un espazo de arte, no que poder falar do que necesitamos antes de darlle unha solución. E porque non, coller unha andamiaxe da rúa, tomar o café subidos nela e pechar a igrexa polo que dure a intervención.
Segunda anotación
Este é un proxecto que surxe de dúbidas e quere afundir nelas.
Cando en Novembro do ano 2007 comezou a primeira edición do Master en Arte, Museoloxía e Crítica Contemporáneas, a miña mente estaba condicionada polo feito de pensar que aprendería mais e mellor realizando o meu traballo práctico que asistindo aos seminarios teóricos. Por suposto, este prexuízo non tiña que ver coa valoración negativa que as veces facemos da aprendizaxe por recepción, como se esta fose un intervalo de tempo testimonial que nos permite obter a liberdade para saír a xogar fora. Tratábase da absoluta falta de identificación con algunha das tres modalidades baixo as cales podiamos presentar os nosos traballos finais. Crítica, comisariado, pedagoxía. Tres propostas das cales sempre souben, no fondo, que traballaría coa última.
Non obstante, o plantexamento inicial era unha condición sine qua non. Había que elexir unha. Despois de varios meses lendo e anotando sobre cómo se traballa a educación artística nos museos e centros de arte, decateime de que non tiña nada. Non me interesaban os programas pedagóxicos anuais dos centros nin tampouco os proxectos específicos que propoñían algúns mediadores e comisarios. En realidade, non consideraba que os exemplos e os referentes me puideran axudar a saber o que realmente quería facer. Tratábase de puro compromiso, de inercias adquiridas ao paso pola facultade.
Os motivos foron escorregando ata xa non lembralos: crítica, comisariado, pedagoxía outra vez. Moitas posibilidades nos tres, pero quizais demasiadas. A repetición fíxose habitual e da monotonía obtiven o meu tema. Quería, antes que nada, saber a quén me estaba a dirixir no proxecto, e que esas mesmas persoas me deran motivos para actuar. Tomar decisións sobre a nosa incapacidade para decidir. A idea de tecer un enunciado descaradamente afirmativo, sen deixar dúbidas do bo plantexamento do proxecto, non me servía. Ponlle nome tiña que xirar sobre o constante estado de dúbida que é a capacidade de cuestionar a función da (futura) profesión. De aí o seu título, evidentemente cobarde.
O texto propoñía unha acción para ser producida nun museo ou centro de arte. Este contexto institucional resultaba un bo campo de traballo, tendo en conta que o que se buscaba era a participación crítica da cidadanía nas políticas culturais locais. O proxecto era de unha duración intermedia (2-3 meses); o pretexto: unha serie de obradoiros sobre a cultura das redes e a súa aplicación no campo da arte contemporánea. Queriamos utilizalo como ferramenta para sondear os intereses dos participantes á hora de construír novos proxectos dende o departamento pedagóxico dun centro calquera. Incluílos no proceso de aprendizaxe que supón pensar un proxecto pertinente no social, e telos en conta como coprodutores dese coñecemento xerado colaborativamente.
A Universidade de Santiago é a primeira institución receptora desto que gostamos chamar espacios parásitos. Pequenos intersticios silenciosos que poden instalarse en organismos mais complexos sen interrumpir directamente as funcións vitais do hóspede, e que como contrapartida, nutren a súa razón de ser. Creo que non é necesario salientar o peso específico da USC no contexto de Santiago de Compostela, como tampouco a precisión endogámica con que confluímos no proxecto os axentes implicados. Semella un reto para o imprevisible.
Primeira anotación
Unha proposta de participación crítica.
Comportamentos contemporáneos como a arte pública de novo xénero, o universo web 2.0 e o copyleft están a xogar un papel determinante á hora de reformular as identidades de produtores e consumidores de cultura. A posibilidade de novos roles mixtos modifica a consideración social de moita da arte actual, pero o máis significativo é que pon en situación unha bagaxe colectiva e dinámica: a dos axentes que redefinen constantemente o interese dos proxectos.
Se entendemos aos públicos como coprotagonistas da produción cultural, a creación artística pódese ler coma un proceso aberto no que profesionais da cultura, públicos e contextos forman unha rede na que se mesturan propostas e se potencian intercambios, un campo multiforme onde toda expresión de coñecemento é susceptible de ser debatida e reproducida. Ponlle nome propón a implicación de todos estes axentes para xerar alternativas que, dende ideas pequenas ou experiencias dilatadas, poñan a proba a potencialidade do traballo en rede.
A construción dunha ferramenta de traballo involucrada nesta reflexión debe ser igualmente participativa. Na súa forma –híbrida e inacabada- han de darse múltiples xeitos de entender a cultura. As ciencias, o pensamento ou a tecnoloxía son todas interseccións que enriquecen a experiencia contemporánea e que amplían a nosa capacidade como cidadáns para repensar o espazo público. É por isto que convocamos ás voces que viven a cultura de xeito activo. Reclamamos a súa posta en situación nos espazos que buscan visibilidade para obter rendibilidade social: as universidades son uns destes grandes catalizadores do fluxo cultural, e defínense ante a sociedade como as estruturas xeradoras de coñecemento por excelencia. O que propoñemos é a apertura dunha fuga nese fluxo controlado, un pequeno espazo eventual que precisa das vosas achegas particulares para poder ser entendido como unha experiencia crítica.
Un proxecto que potencie experiencias de aprendizaxe colectiva só ten sentido se é xerado in situ, vivido no seu íntimo proceso de creación. De aí a importancia de traballar coas singularidades que cada participante achega para un coñecemento significativo do social. As preocupacións concretas, as experiencias individuais vividas na súa inmensa complexidade, son o capital con que contan as artes contemporáneas para incorporaren relatos non previstos, e polo tanto aínda por experimentar na súa frescura e dinamismo. Este relato cidadán non pode ser anticipado, pois só é cognoscible no momento preciso da súa enunciación. Por iso, no canto de traballar con obxectos e materiais físicos, Ponlle nome colle a forma dunha exposición de cultura inmaterial.
Mediante a formación dun grupo de colaboradores, formularemos diferentes xeitos de artellar proxectos que vinculen política, educación e cultura contemporánea. Todos eles aspectos do coñecemento que conflúen en Ponlle nome na busca do debate público e da nosa capacidade para intervir nel. Só dende posturas abertas e construtivas poderemos formular proxectos culturais que impliquen significativamente aos axentes pertinentes; semella necesario escoitar a pregunta antes de aventurar respostas.


