Intervención na igrexa da universidade
Dende unha condición de espazo inacabado e por encher, Ponlle nome plantexa o papel da arte contemporánea como xeradora de actitudes críticas e participativas na vida cultural dunha cidade.
A iniciativa quere formular unha alternativa aos formatos expositivos e pedagóxicos tradicionais a través da participación directa do público. A intervención consiste na articulación dun espazo de debate aberto, que invita a reflexionar sobre o protagonismo dos públicos na arte actual e a importancia da súa participación nas políticas culturais.
Durante 17 días, a intervención estará aberta ao público en horario de exposición e será o lugar de debates temáticos propostos polos coordinadores, Víctor E. Pérez e Daniel López Abel. Os obradoiros artellaranse sobre o concepto das redes sociais e o seu influxo na cultura contemporánea. Neles daremos a coñecer diversos xeitos de entender a creación colectiva dende unha perspectiva educativa, pero tamén plantexaremos de xeito práctico as implicacións sociais e políticas que estas conlevan á hora de construír espazos de cidadanía crítica
Durante o desenvolvemento do debate o espazo articulará visualmente as propostas dos participantes e as dos visitantes ocasionais, tecendo así unha trama que permita estudiar algunhas das moitas cuestións que se lle plantexan á cultura dende os sectores involucrados. Esta acción presenta deste xeito unha doble lectura da formación: a dos públicos como produtores activos de cultura, e a dos profesionais, aprendendo a formular proxectos socialmente significativos.
Todas as persoas interesadas son convidadas a compartir o espazo da intervención e as inquedanzas dos participantes, para realizar de ese xeito unha lectura específica do contexto no que sucede. Neste caso, as relacións entre a cidade, a universidade e o coñecemento compartido.



