Terceira anotación
O educador-comisario-artista (posprodutor de sentido).
Educar en arte. Non sen medo poderiamos escribir aquí que a educación artística é o conxunto de accións na sociedade que axudan a comprender a natureza da creación. O educador en arte traballa como un catalizador máis do impulso creativo. Localiza a fonte que está a xerar novos significados culturais e dispón recursos cara o cidadán para ampliar as posibilidades da súa experiencia. Cando unha obra de arte sométese á exposición pública, o xesto deixa de pertencer ao artista e pasa ao dominio público. As reglas do xogo amplíanse e o sentido da peza multiplícase, deriva nunha rede expansiva de significacións que xorde doutros moitos procesos de creación. Estes procesos son os desenvolvidos na nosa mente ca finalidade de atopar códigos axeitados mediante os cales relacionarnos coa natureza desa creación (lémbrome de participar nun obradoiro no que acabamos roubando unha peza dixital exposta nun museo, para devolverlle as súas connotacións non artísticas ao xeito dun post-ready-made; ou ben metendo a cachola nunha xeitosa peza minimalista porque soaba realmente ben) O artista é a persoa que fai deste mesmo proceso en sociedade unha traxectoria amplificada e formalizada.
A obra de arte é unha ferramenta para complexizar o noso mundo. É unha acción que constrúe variacións da vida normalizadora e que irregulariza o cotián. Lonxe de facilitar a reutilización dun código de comprensión habitual, propulsa a creación doutros novos conectados cos anteriores. O pon difícil e che esixe implicación. Amplía o mapa neural, leva á imaxinación cara lugares insospeitados e oblíganos a posibilitar novas pontes para contactar con ela. A creación esíxenos creación. O educador en arte non é alleo a este proceso. É un apropiacionista sen escrúpulos que forza diferentes xeitos de relación coa obra. É un axitador de públicos, un activista da participación e un deconstrutor de pontes. O seu traballo consiste en facer aristas na planitude, manter a duda onde hai risco de certeza e combatir o consenso coa axuda da diferencia. O educador en arte, mais que abrir camiños para os que veñen, ten que obstaculizar intelixentemente os que xa foron transitados nalgún momento.
As prácticas museolóxicas actuais valoran enormemente a participación cidadá representada en grupos de heteroxénea proveniencia. Traballar na confluencia de distintos saberes supón renegar da educación artística heredada da modernidade, que se basaba na división disciplinar e técnica das habilidades de producción material. Esta compartimentación da pedagoxía artística en función do formal foi abandoada pola consecuente tecnificación e a perda de capacidade crítica ciudadana na que desemboca. Frente ás inercias do mundo especializado da arte contemporánea, a educación en arte ten o papel de estudiar as dinámicas da creación e reutilizalas como parte dos procesos de aprendizaxe cos que nos construímos a nós mesmos. Non educamos en artistas nin tampouco en obras. Educamos na democracia radical de ser quen queiramos ser en cada momento.
Os discursos de comisarios e educadores sofren nas relacións direccionadas e xerárquicas. O sistema exposición-espectador exerce un forte influxo nas actitudes dos públicos, xa que a materia prima coa que traballa preséntase de principio como o marco axeitado para a participación en cultura. Primeiro constrúese un producto, e logo, búscase (ou fabrícase) a necesidade, accesibilidade e identidade da participación. Con Ponlle nome queremos plantexar a posibilidade de inversión dese proceso. Tan só des-fixemos un espazo de arte, no que poder falar do que necesitamos antes de darlle unha solución. E porque non, coller unha andamiaxe da rúa, tomar o café subidos nela e pechar a igrexa polo que dure a intervención.



No Responses to “Terceira anotación”
Please Wait
Leave a Reply