You’ll never walk alone. You’ll never walk alone. You’ll never walk alone. Tú eres Liverpool, yo soy Anfield. Desde mi dolor y mi mortal incesto, aunque no te lo merecieras, Anfield seguiría cantando. This is Anfield, this is the end.

You´ll never walk alone é o primeiro dos proxectos que xurdiron en <Ponlle nome> e o primeiro do que imos falar. Trátase dunha instalación específica realizada para Cultura de lugares, a mostra coa que rematamos a intervención da Igrexa da Universidade. Fala de experimentación coa representación urbana e se basea nas cinco pezas gráficas que podedes ver arriba. Estas foron realizadas por Jacobo Bugarín, unha das persoas coas que tivemos o pracer de compartir a experiencia do obradoiro, e nelas podemos atopar un intento por cartografar as instantáneas do día a día, captar os trazos involuntarios e cambiantes que se producen cando sobrepoñemos diferentes capas de experiencia individual nun mesmo plano.

Levadas a un espazo tridimensional, a subxetividade e as contradicións humanas coexisten coas linguaxes racionais, os cálculos arquitectónicos, as certezas sociolóxicas e xeográficas. A escala e dimensión do plano urbano, ortogonalmente institucional, planimétrico, codificado, convértese no medio dende o cal desenvolver alteracións da normalidade, accións que nos desestabilizan e nos converten en microturistas na nosa propia cidade.

Do mesmo xeito en que o trazo salta da vida ao papel e de aquí ao muro, as posibilidades nos límites do plano dispáranse e dan lugar a unha configuración impredecible, en proceso. A xiz, a corda e a tabla son elementos dunha trama urbana lexible e ao tempo absurda, que agocha á sua función primeira de representar e guiar polo simple feito de ser manipulada libremente. Trátase dun xesto que reorganiza e redistribúe o espazo propio, consciente de que se trata dunha tarefa para a que non existen mans inocentes.


No Responses to “You´ll never walk alone.”  

  1. No Comments

Leave a Reply



O proxecto Ponllenome_ desenvolveuse entre finais do 2008 e comezos do 2009 na Igrexa da Universidade de Santiago de Compostela. O espazo, que habitualmente se emprega como sala de exposicións, mudou durante unha temporada cara obradoiro en constante cambio: unha oficina de recepción e produción de propostas críticas co ámbito cultural cercano. Esta web serve de arquivo do proxecto, que tivo a súa continuidade, en moitos aspectos, no proxecto Baleiro, un espazo experimental que quere servir de canle de produción e xestión de diferentes iniciativas culturais, tamén en Compostela.