A Vicerreitoría de Cultura da USC decide prolongar o proxecto Ponlle Nome, instalado na Igrexa da Universidade dende o 16 de decembro do 2008. Esta proposta,  pensada a medio camiño entre o obradoiro de debates e a exposición de arte contemporánea, comeza unha nova andaina tras clausurar a súa primeira etapa. Os debates e as reflexións teóricas deixan paso, a partir do 20 de xaneiro, á mostra das historias contadas polos participantes no proxecto; preguntas e respostas ilustradas en diferentes formatos aos que se irán engadindo as achegas dos propios visitantes.

O equipo de Ponlle Nome súmase así ao programa “Cultura de Lugares”, unha iniciativa xurdida para impulsar a implicación da sociedade nas políticas culturais. Calquera persoa, independentemente das súas habilidades artísticas, pode participar con debuxos, fotografías, vídeos ou anacos de historias que resuman unha actitude propia ou allea, individual ou dun grupo particular, que supoña ao seu parecer un pequeno contrasentido cotiá. Catalogar os usos alterados dos espazos públicos, dos costumes, dos utensilios máis correntes ou das tecnoloxías máis complexas, supón poñer en evidencia a natureza creativa dunha cidadanía que se expresa en liberdade precisamente cando fai algo que ninguén tiña previsto.


No Responses to “Ponlle Nome continúa até o 5 de feb.”  

  1. No Comments

Leave a Reply



O proxecto Ponllenome_ desenvolveuse entre finais do 2008 e comezos do 2009 na Igrexa da Universidade de Santiago de Compostela. O espazo, que habitualmente se emprega como sala de exposicións, mudou durante unha temporada cara obradoiro en constante cambio: unha oficina de recepción e produción de propostas críticas co ámbito cultural cercano. Esta web serve de arquivo do proxecto, que tivo a súa continuidade, en moitos aspectos, no proxecto Baleiro, un espazo experimental que quere servir de canle de produción e xestión de diferentes iniciativas culturais, tamén en Compostela.