Cultura de Lugares
Esta é a proposta que nos gustaría facervos: elaborar de xeito colectivo unha publicación creativa onde poidamos reflexar algunhas das inquedanzas tratadas no obradoiro. Tanto aos que pasáchedes polo espazo da intervención como aos que non puidestes facelo, convocámosvos a colaborar achegando unha parte das vosas experiencias persoais.
1. Documentar unha acción ou suceso cultural que teña lugar na nosa sociedade, pero que pase desapercibida ás institucións culturais. Algúns exemplos destes sucesos poderían ser:
a/ Apropiacións e contrausos: Persoas maiores que toman as estacións de ferrocarril nas fins de semana como lugares de encontro e paseo / Un neno xoga ao baloncesto cunha papeleira / Unha praza turística apropiada polos ionquis.
b/ Documentación da vida cotiá: Costumes propias das familias / Expresións ou ditos propios dos barrios / Personaxes coñecidos dunha zona urbana concreta / Lendas urbanas.
c/ Cuestións domésticas: Variacións e apropiacións de receitas de cociña / Reutilizacións de materiais domésticos / Estratexias para chegar a fin de mes.
2. Non hai límite de espazo. Simplemente recordarvos que traballaremos sobre un formato de pliego A4 (doblado á metade). Podedes empregar a extensión que creades oportuna. Asímesmo podedes enviar varias pezas diferentes ou traballar con series
3. Non tedes límite de expresión. Traballaremos cunha impresión en escala de grises. Podedes empregar fotografías, debuxos, textos, gráficos, recortes, etc…, o que queirades.
4. O voso relato podédelo enfocar dende un punto de vista documental (simplemente recollendo información e materiais) ou ben dende un punto de vista externo, dando a vosa opinión sobre o evento que recollistes, complementando a información con comentarios, ou incluso imaxinando posibles casos aínda que non fosen reais.
Estruturamos os temas en función da división que se propón no documento do Congreso Lugares de Cultura. Elixide as categorías que mas se axeiten ás vosas pezas:
Soft: Actitudes, pensamentos, emocións, costumes, sentimentos.
Hard: Arquitecturas, espazos, mobiliario, utensilios e ferramentas.
Org: Tipos de organizacións, relacións xerárquicas, alteracións da orde establecida.
Net: Relacións de colaboración, sistemas en rede, comunicación entre individuais.
5. A data límite para achegar as vosas pezas é o 8 de Xaneiro. Podedes envialas por correo-e a info@baleiro.org ou ben traelas ao espazo da intervención. Para calquera consulta non dubidedes en escribir. Iremos actualizando o blog cos materiais que nos vaian chegando para que vexades algúns exemplos dos participantes. Animádevos e unha aperta!



No Responses to “Cultura de Lugares”
Please Wait
Leave a Reply