O vindeiro Martes 23 teremos a segunda sesión de debate aberto. A pregunta que propoñemos é: Arte pública e prácticas antagonistas, ata onde? Nela falaremos de artistas e colectivos críticos que inciden na vida pública coas súas accións. A nosa intención é debater algúns exemplos relacionados cos temas que foron xurdindo estes primeiros días na Igrexa da Universidade: a economía da cultura, a xestión dos espazos culturais públicos e a capacidade da arte para comunicar crítica social sen caer en discursos baleiros de efectividade. Polo miúdo, quedámonos cun par de preocupacións xerais que fomos escribindo entre todos.

En primeiro lugar, a reflexión sobre o proceso de significación e lexitimación ao que se está somentendo á Cidade da Cultura, e o papel da cidadanía neste mesmo debate. Chegounos a convocatoria do I Congreso Internacional Lugares de Cultura, do 21 ao 24 de Xaneiro de 2009, e pensamos que resultaría un bo momento para por en práctica algunhas das ideas ou proxectos de intervención que se están a comentar en Ponlle nome.

Por outra banda, o debate sobre a relación práctica da arte con outras áreas de coñecemento, como a tecnoloxía e a comunicación, queda aberto e semella cobrar interés. Este Sábado pasado tivemos unha charla moi interesante polo variado das achegas dos participantes, como Juan R. Coca, membro do Grupo Compostela de Estudo sobre Imaxinarios Sociais e coordinador de TemposDixital; Toko, historiador da arte e membro dun colectivo de produción artística; o artista compostelán Manoel Bonabal, moi relacionado coa arte postal ou Nicolás del Río, deseñador gráfico e editor multimedia en Dygrafilms.

Son, polo tanto, as primeiras liñas que manteremos abertas e convidámosvos a formar pequenos grupos de traballo en torno a elas. Tanto polo seu interese específico como pola posibilidade de construír un proxecto común, coidamos que ambas as dúas sitúanse nun punto onde somos moitos os que podemos aportar ideas imaxinativas.

De igual xeito, comezamos cun pequeno experimento sobre apropiacionismo de redes sociais ca fin de emitir proxectos artísticos participativos. Gustaríanos intercambiar propostas na igrexa ou ben por correo-e, así que xa sabedes…, vémonos!


No Responses to “Taboleiro: primeiras ideas”  

  1. No Comments

Leave a Reply



O proxecto Ponllenome_ desenvolveuse entre finais do 2008 e comezos do 2009 na Igrexa da Universidade de Santiago de Compostela. O espazo, que habitualmente se emprega como sala de exposicións, mudou durante unha temporada cara obradoiro en constante cambio: unha oficina de recepción e produción de propostas críticas co ámbito cultural cercano. Esta web serve de arquivo do proxecto, que tivo a súa continuidade, en moitos aspectos, no proxecto Baleiro, un espazo experimental que quere servir de canle de produción e xestión de diferentes iniciativas culturais, tamén en Compostela.