• strict warning: Declaration of views_attach_plugin_display_node_content::options_submit() should be compatible with views_plugin_display::options_submit(&$form, &$form_state) in /var/www/vhosts/baleiro.org/httpdocs/sites/all/modules/views_attach/views_attach_plugin_display_node_content.inc on line 0.
  • strict warning: Declaration of views_handler_filter_node_status::operator_form() should be compatible with views_handler_filter::operator_form(&$form, &$form_state) in /var/www/vhosts/baleiro.org/httpdocs/sites/all/modules/views/modules/node/views_handler_filter_node_status.inc on line 0.
  • strict warning: Declaration of views_bonus_plugin_style_panels_twocol::options() should be compatible with views_object::options() in /var/www/vhosts/baleiro.org/httpdocs/sites/all/modules/views_bonus/panels/views_bonus_plugin_style_panels_twocol.inc on line 0.
  • strict warning: Declaration of views_plugin_style_default::options() should be compatible with views_object::options() in /var/www/vhosts/baleiro.org/httpdocs/sites/all/modules/views/plugins/views_plugin_style_default.inc on line 0.

A voltas co espazo público

Xa se pode descargar da Mediateca do Consello da Cultura Galega o Informe Arte+Espazo público. Neste volume, recompílanse as reflexións dos participantes nas xornadas Arte+Espazo público (Simón Marchán Fiz, Sophie Hope, Nelson Brissac, Rogelio López Cuenca, Javier Tudela, Xosé Manuel Rosales e Pablo Gallego Picard) e inclúense novos artigos a cargo de Camilo Franco, Antón Patiño e Carme Nogueira. A edición tamén inclúe unha reportaxe audiovisual sobre os barrios de Santiago de Compostela, as súas características espaciais e os seus conflitos sociais.

Desde un primeiro momento, un dos obxectivos primordiais do ciclo era afondar no coñecemento e análise da confluencia da arte e do espazo público no ámbito especificamente galego. Con esta intención, e paralelamente á organización das sucesivas palestras, producíronse unha serie de reportaxes documentais proxectadas para abrir a rolda de preguntas, despois de cada unha das intervencións. Na procura dunha conexión das palabras dos expertos “de fóra” coa casuística local, escolleuse para cada vídeo un barrio diferente da cidade de Santiago de Compostela que puidese condensar, dalgunha maneira, a problemática específica abordada nesa sesión. Así, a zona da dársena de Xoán XXIII xunto coa biblioteca pública Ánxel Casal pola súa proximidade á zona monumental semellaba unha boa escusa para abordar, despois dos comentarios de Simón Marchán Fiz, os problemas de lexitimidade social dos fitos simbólicos urbanos, que poden ser esculturas conmemorativas ou edificios de arquitectura singular –históricos ou non–, así como tamén grandes infraestruturas. O barrio de Vista Alegre, desde hai tempo pendente dun proxecto de rehabilitación integral, contén os índices de fractura social e de necesidade de cohesión que farían aplicable a receita da “democracia cultural” proposta por Sophie Hope. O barrio de Conxo, un núcleo agora periférico pero cunha forte identidade histórica, podía ser un exemplo de lugar tradicional atravesado polas dinámicas da urbanalización. As novas construcións residenciais da zona, o chamado Ensanche de Santa Marta, están a xerar unha paisaxe duplicada que se axeita aos conceptos barallados por Francesc Muñoz, pero sen esa xestión sofisticada das doses de local e de global que caracterizan o urbanal. Os niveis de complexidade e tensión que segundo Nelson Brissac se acadan nunha megalópole como São Paulo non teñen paralelismo posible en Compostela, pero no barrio de Sar conviven modos de vivir a cidade contrapostas (desde a actividade netamente agraria ata os grupos de grafiteiros); sen dúbida trátase dun barrio cun alto risco de desestruturación pola forte presión que exercerá nel a Cidade da Cultura. O complexo do Gaiás deixará a zona de Sar no medio de dous polos de atracción a nivel global (o casco histórico de Santiago e a infraestrutura cultural máis grande de Europa) que influirán fortemente na súa dinámica e sistemas de convivencia, ata o de agora fortemente locais. Para rematar, o barrio de San Lázaro, a entrada tradicional dos peregrinos cara a Compostela, semellaba, máis que a propia zona monumental, un exemplo axeitado para falar das influencias do turismo cultural na imaxe das cidades, un dos temas principais da palestra de Rogelio López Cuenca. A evolución de San Lázaro está marcada, a partir dos anos noventa, pola presenza masiva das iconas representativas do Camiño Francés e o Xacobeo, presentes nos paneis de tráfico e nos nomes de restaurantes e hoteis de todas as categorías, pero tamén pola súa progresiva implantación do sector terciario como actividade económica única.

O resultado deste experimento de confrontación entre os exemplos propostos polos expertos internacionais e os problemas locais, aínda que con efectos desiguais, inseriu nos debates voces e argumentos que doutra maneira non entrarían en xogo. As palabras extraídas do contacto directo coa cidadanía axudaron a completar as visións excesivamente especializadas deste tipo de foros, con públicos e participantes con perfiles de intereses e coñecementos moi similares. En breve penduraremos na web a versión íntegra do vídeo (31´).

416