• strict warning: Declaration of views_attach_plugin_display_node_content::options_submit() should be compatible with views_plugin_display::options_submit(&$form, &$form_state) in /var/www/vhosts/baleiro.org/httpdocs/sites/all/modules/views_attach/views_attach_plugin_display_node_content.inc on line 0.
  • strict warning: Declaration of views_handler_filter_node_status::operator_form() should be compatible with views_handler_filter::operator_form(&$form, &$form_state) in /var/www/vhosts/baleiro.org/httpdocs/sites/all/modules/views/modules/node/views_handler_filter_node_status.inc on line 0.
  • strict warning: Declaration of views_bonus_plugin_style_panels_twocol::options() should be compatible with views_object::options() in /var/www/vhosts/baleiro.org/httpdocs/sites/all/modules/views_bonus/panels/views_bonus_plugin_style_panels_twocol.inc on line 0.
  • strict warning: Declaration of views_plugin_style_default::options() should be compatible with views_object::options() in /var/www/vhosts/baleiro.org/httpdocs/sites/all/modules/views/plugins/views_plugin_style_default.inc on line 0.

Tránsitos. O ben e o mal

Por Íñigo Mouzo Riobó

“Maldita sexa a terra pola túa causa: con fatiga sacarás dela o alimento todos os días da túa vida. Espiñas e espiños che producirá, e comerás a herba do campo. Coa suor do teu rostro comerás o pan, ata que tornes á terra pois dela fuches collido”. Xénese

En 1962 o artista Piero Manzoni creou A base do mundo, obra na que literalmente asinou o planeta, exhibíndoo, deste xeito, completo, como unha obra de arte. E é que en realidade, na actualidade, non estamos especialmente lonxe desta idea de total artificialización. Tanto dende o punto de vista da intervención física -pois temos especiais recursos técnicos e demográficos para modificar en boa medida a superficie planetaria-, como dende o punto de vista netamente conceptual, hoxe vivimos nunha realidade obsesa pola materialización e a teoría. O mundo só pode ser plenamente entendido, neste momento, a través da grande abstracción á que o temos sometido. O planeta é hoxe o medio ou contorna que cremos coñecer.

E é que a noción de territorio e terra, tal como a recolle o Xerais é “unha extensión da superficie terrestre na que vive un grupo humano, (...) animal o vexetal”, ou ben aquela “parte sólida da superficie terrestre considerada o soporte das cousas, cuns límites naturais precisos e con características históricas ou culturais comúns”. É dicir, o territorio é aquelo que consideramos coñecer.

En 1902 o arquitecto Ebenezer Howard publica Garden cities of To-morrow, unha das obras de literatura urbana que máis influirían na construción obxectual da nosa realidade. Howard, como tantos outros urbanistas utópicos, non trataba senón de solucionar a través da arquitectura e do urbanismo o problema da densificación urbana nas cidades industriais co tan teorizado, naquel momento, regreso á natureza. O libro repara na articulación artificializada do mundo a través de pequenas células urbanas e a conxunción entre mundo urbano e mundo natural ou rural. En 1922 levaría á práctica as súas ideas na localidade inglesa de Letchword, nun experimento urbano esencial para entender os suburbios xardín e parte da articulación desexada para a maioría das cidades actuais do mundo.

“No hay en la mente un absoluto libre albedrío, pero la mente es determinada por el desear esto o aquello, por una causa determinada a su vez por otra causa, y esta a su vez por otra causa, y así hasta el infinito." Baruch Spinoza: Ética

E é que o traballo co mundo e a intervención in situ da realidade, máis aló do concepto illado, semella ser unha das bases que rexen a nosa relación co medio. Así o puxeron de relevo algúns dos artistas do Land Art cando, superado o encorsetamento conceptual dos museos, exploraron os espazos abertos de Europa e os Estados Unidos. Obras como Túneles solares de Nancy Holt (1976), ou Crecemento da herba de Hans Haacke (1969), supuxeron una exploración consciente da arte cara a relación máis ontolóxica e transcendental do home co medio. Tratábase de solapar, en boa medida, as vangardas nas artes coas orixes remotas do home. Túneles solares implica unha relación real do home co medio a través da investigación co tempo e co espazo na escala humana, fronte a aquelas propias do medio; unha marca, un observatorio transcendente co entorno. Crecemento da herba pola contra supón unha mirada cara os procesos biolóxicos domesticados polo home para participar da obra de arte. Porque Túneles solares e Crecemento da herba non son senón ata certo punto unha reexploración dos dous principais elementos que condicionaron por completo a relación ontolóxica do home co medio na historia: o monumento e o xardín; a marca transcendente no medio e a relación idealizada dunha natureza en domesticación.

Dende a Antigüidade remota de Mesopotamia a través do cigurat ata a actualidade, o home utilizou o monumento para marcar o territorio e desenvolver a súa relación transcendente co entorno hostil. Marcar a súa relación cos deuses, coas forzas da natureza, suplicar no timor di dio e limpar as culpas dunha sociedade na que, a creación do mundo urbano, o excedente e o control das grandes obras hidráulicas, supuxo a dominación dos homes sobre os homes, precisando especialmente destas intervencións no lugar. O xardín, coma a segunda vía transcendente perante o entorno hostil, é esa gran representación do mundo idealizado, unha natureza domesticada que foi durante séculos a gran representación do orde abstracto dos homes sobre o medio. Pechado por lindes e separado da natureza salvaxe, en ocasións literalmente transcrito dos textos sagrados, o xardín non foi senón a representación dun mundo que o home aspiraba a obter.

“Compre bendicir a Deus tanto polo mal como polo ben” Talmud

A revelación divina. Así foi o xardín e o monumento no mundo durante época moderna e medieval. Das harmonías románicas e góticas no sagrado, e no hortus monástico e catedralicio medieval, fronte a un mundo desprezado na súa fisicidade, deron paso a unha realidade cada vez máis civil, no que as grandes monarquías europeas, só limitadas por Deus, foron as encargadas de rexer un mundo crecentemente ilustrado, eurocéntrico e “coñecido”. Versalles coma gran obra de xardinería e urbanismo representou neste momento o lugar no que o home tratou de dominar plenamente este mundo domesticado. Mentres, en Inglaterra, a igual busca da feliz adaptación, fixo que o límite entre o xardín cerrado e a natureza salvaxe fora cada vez máis desdebuxado. A cidade xardín de Howard foi o primeiro grande intento de obxectualizar, nunha idea global, estas realidades.

“¿Qué verá o cego aínda que se lle poña a lámpada na man?” Proverbio hindú

O ser humano precisa da abstracción como xeito de vida. Os monumentos e a relación transcendente co medio precisan cada día de máis complexas interpretacións, ao tempo que dun xeito obsesivo tratamos, cada vez máis, de artificializar e domesticar, non só o mundo a través do concepto, senón tamén pola forza, in situ. Precisamos adaptar o territorio obxectual ao concepto, de crear explicacións obxectuais a todo o que existe. A educación, a investigación, transfiren entre os homes complexos desenvolvementos culturais propios dunha cultura ou abstracción determinada, mentres o mundo, cada vez máis coma un lugar presuntamente coñecido e determinado, se articula globalmentea través da occidentalocracia e do desenvolvemento en nacións constituídas por cadansúa ideoloxía territorial.

E é así que, en boa medida, a culpa do mundo que hoxe coñecemos está no Du contrat social ou Principes du droit politique de Jean-Jacques Rousseau (1762), así coma nalgúns dos escritos contemporáneos. En 1789 a Revolución Francesa, e despois a salvagarda das súas ideas en Europa polo réxime de Napoleón, fixo que o mundo xa non puidera estar determinado pola revelación divina. Complexos ideolóxicos democráticamente representados, están no desenvolvemento dunha man de ideoloxías de base. O pensamento, a abstracción do mundo tras as revolucións rousseaunianas xa só se articula en complexos discursos territoriais e democráticos sobre o mundo, que aceptamos unánimemente e que en boa medida non permiten discrepancia dentro da establecida razón. É a revelación humana.

Precisamente por isto, na actualidade o mundo non é netamente diferente do tempo do megalito e o xardín. O traballo de rehabilitación dos centros urbanos a partires das dúas guerras mundiais e a protección dos parques naturais nos Estados Unidos a partires da década de 1920 foron aparentemente a articulación perfecta dun mundo progresivamente artificial. Neste mesmo momento, o desenvolvemento das diferentes hipercodificacións territoriais derivadas das ideoloxías territoriais, levaron ao campo da intervención in situ e a contorna cara unha progresiva e obsesiva artificialización.

“As súas fontes de luminosidade, prantas aromáticas, espazosos palacios, ríos fluíntes, froitos frescos, fermosos cónxugues, abundantes vestimentas, con eterno pracer, en fermosas construcións...” Corán

Santiago de Compostela non é unha cidade allea a esta realidade. Fechada en divisións administrativas propias dos discursos nacionais e globais e con representantes-xestores democráticamente establecidos, a cidade na que vivimos foi intencionadamente codificada in situ pola obra de excelentes arquitectos e urbanistas como Constantino Candeira, Jenaro de la Fuente Álvarez, Francisco Pons Sorolla, Manuel Gallego Jorreto, Julio Cano Lasso, Isabel Aguirre, César Portela, Álvaro Siza ou Arata Isozaki. Expertos que nesta localidade, e dun xeito especialmente cualitativo nalgúns casos, recolleron o gran problema de xestores e teóricos de converter a nosa poboación nesa gran cidade-xardín articulada polos grandes monumentos, polas institución culturais e pola interpretación intencionada da historia. Recolleron da revelación humana aqueles desexos dos novos deuses na nova obxectualización propia do mundo no que, conceptual e obxectualmente, vivimos.

Sen embargo, son estes camiños de desexo os que poñen unha vez máis de manifesto, a través do plácido camiñar anónimo, o omnipresente paradoxo da busca incesante do home no medio. Eles erosionan na pel codificada dos obstáculos. Aqueles expulsados que caladamente deciden non participar nos libros de teoría e de historia. Aqueles expulsados. Porque o home, ao fin e ao cabo, só escolle.

“Os deuses obrigáronnos a nos equivocar para manter a súa autoridade sobre nós” Dito popular