Documental
Este documental foi realizado a partir da serie de reportaxes producidas para as Xornadas Internacionais Arte+Espazo Público, que tiveron lugar entre abril e decembro do 2009 na sede do Consello da Cultura Galega, en Santiago de Compostela. Este traballo inclúe un compoñente imprescindible na análise, manifestado a través do conxunto de reflexións críticas, entrevistas e comentarios de diferentes protagonistas que habitan a cidade, co pano de fondo de diversas áreas ou zonas urbanas galegas, en concreto da cidade de Santiago de Compostela, onde se desenvolveron estas xornadas. Voces e opinións que definen esas zonas periféricas, zonas en construción, zonas limítrofes ou zonas de tránsito que nos falan e fan reflexionar sobre a verdadeira importancia da planificación, dos procesos de participación cidadá, da ordenación e do proxecto nos diferentes plans de urbanización.
Todas as sesións que conformaron o ciclo de conferencias Arte+Espazo público contaron coa presenza de recoñecidos expertos a nivel internacional. Durante estes encontros puidéronse coñecer exemplos de proxectos artísticos que se relacionaban con contextos urbanos de diferentes partes do mundo: o caso paulista de Arte/Cidade en Brasil (Nelson Brissac), as particularidades da xestión da arte pública no Reino Unido (Sophie Hope) ou o fenómeno da explotación turística de Málaga (Rogelio López Cuenca). A intervención de Francesc Muñoz, aínda que salpicada de exemplos de cidades doutros países, nomeadamente botou man de estudos sobre a evolución urbana en Cataluña; mentres que o relatorio de Simón Marchán Fiz, que inaugurou o ciclo, fixo un percorrido pola escultura pública do século XX máis centrado en aspectos simbólicos e formais que na relación coa súa adscrición xeográfica.
Un dos obxectivos primordiais deste ciclo era afondar no coñecemento e análise da confluencia da arte e do espazo público no ámbito especificamente galego. Con esta intención, e paralelamente á organización das sucesivas palestras, producíronse unha serie de reportaxes documentais rexistradas en vídeo, proxectadas para abrir a rolda de preguntas despois de cada unha das intervencións. Na procura dunha conexión das palabras dos expertos “de fóra” coa casuística local, escolleuse para cada vídeo un barrio diferente da cidade de Santiago de Compostela que puidese condensar, dalgunha maneira, a problemática específica abordada nesa sesión.
Así, a zona da dársena de Xoán XXIII xunto coa biblioteca pública Ánxel Casal pola súa proximidade á zona monumental semellaba unha boa escusa para abordar, despois dos comentarios de Simón Marchán Fiz, os problemas de lexitimidade social dos fitos simbólicos urbanos, que poden ser esculturas conmemorativas ou edificios de arquitectura singular –históricos ou non–, así como tamén grandes infraestruturas. O barrio de Vista Alegre, desde hai tempo pendente dun proxecto de rehabilitación integral, contén os índices de fractura social e de necesidade de cohesión que farían aplicable a receita da “democracia cultural” proposta por Sophie Hope. O barrio de Conxo, un núcleo agora periférico pero cunha forte identidade histórica, podía ser un exemplo de lugar tradicional atravesado polas dinámicas da urbanalización. As novas construcións residenciais da zona, o chamado Ensanche de Santa Marta, están a xerar unha paisaxe duplicada que se axeita aos conceptos barallados por Francesc Muñoz, pero sen esa xestión sofisticada das doses de local e de global que caracterizan o urbanal. Os niveis de complexidade e tensión que segundo Nelson Brissac se acadan nunha megalópole como São Paulo non teñen paralelismo posible en Compostela, pero no barrio de Sar conviven modos de vivir a cidade contrapostas (desde a actividade netamente agraria ata os grupos de graffiteiros); sen dúbida trátase dun barrio cun alto risco de desestruturación pola forte presión que exercerá nel a Cidade da Cultura. O complexo do Gaiás deixará a zona de Sar no medio de dous polos de atracción a nivel global (o casco histórico de Santiago e a infraestrutura cultural máis grande de Europa) que influirán fortemente na súa dinámica e sistemas de convivencia, ata o de agora fortemente locais. Para rematar, o barrio de San Lázaro, a entrada tradicional dos peregrinos cara a Compostela, semellaba, máis que a propia zona monumental, un exemplo axeitado para falar das influencias do turismo cultural na imaxe das cidades, un dos temas principais da palestra de Rogelio López Cuenca. A evolución de San Lázaro está marcada, a partir dos anos noventa, pola presenza masiva das iconas representativas do Camiño Francés e o Xacobeo, presentes nos paneis de tráfico e nos nomes de restaurantes e hoteis de todas as categorías, pero tamén pola súa progresiva implantación do sector terciario como actividade económica única.
O resultado deste experimento de confrontación entre os exemplos propostos polos expertos internacionais e os problemas locais, aínda que con efectos desiguais, inseriu nos debates voces e argumentos que doutra maneira non entrarían en xogo. As palabras extraídas do contacto directo coa cidadanía poden axudar a completar as visións excesivamente especializadas deste tipo de foros, con públicos e participantes con perfiles de intereses e coñecementos moi similares.