• strict warning: Declaration of views_attach_plugin_display_node_content::options_submit() should be compatible with views_plugin_display::options_submit(&$form, &$form_state) in /var/www/vhosts/baleiro.org/httpdocs/sites/all/modules/views_attach/views_attach_plugin_display_node_content.inc on line 0.
  • strict warning: Declaration of views_handler_filter_node_status::operator_form() should be compatible with views_handler_filter::operator_form(&$form, &$form_state) in /var/www/vhosts/baleiro.org/httpdocs/sites/all/modules/views/modules/node/views_handler_filter_node_status.inc on line 0.
  • strict warning: Declaration of views_bonus_plugin_style_panels_twocol::options() should be compatible with views_object::options() in /var/www/vhosts/baleiro.org/httpdocs/sites/all/modules/views_bonus/panels/views_bonus_plugin_style_panels_twocol.inc on line 0.
  • strict warning: Declaration of views_plugin_style_default::options() should be compatible with views_object::options() in /var/www/vhosts/baleiro.org/httpdocs/sites/all/modules/views/plugins/views_plugin_style_default.inc on line 0.

Chimpando por enriba dos charcos

Por Víctor Enrique Pérez Viqueira

"Y la pequeña siberiana mira con una clara aunque discreta superioridad al hombre que, a pesar de ser mayor, parece no tener ni la más remota idea de lo que es el auténtico frío. Al gran frío, me explica, se lo reconoce por una niebla clara y luminosa que queda suspendida en el aire. Cuando la persona la atraviesa, en la niebla se forma un pasillo. El pasillo tiene la forma de la silueta de la persona que pasa. La persona pasa, pero el pasillo permanece, se queda inmóvil en la niebla. Un hombre grande y macizo forma un pasillo grande, y un niño, un pasillo pequeño. Tania forma un pasillo estrecho, porque es delgada, aunque, para su edad, es un pasillo alto, cosa comprensible, pues es la niña más alta de la clase. Gracias a estos pasillos, Tania sabe cada mañana si sus compañeras han salido ya para la escuela: todas conocen el aspecto de los pasillos de sus amigas y vecinas más próximas." Ryszard Kapuscinski: El Imperio

A Rede de atallos na cidade de Santiago de Compostela é un proxecto en proceso activo desde 2008 que presta atención ao fenómeno dos camiños de desexo: liñas que soen aparecer sobre o céspede creadas pola erosión causada por pasos humanos ou de animais. O amplo da investigación artística de Ismael Teira está formado por diversas pezas e soportes -fotografías, mapas, xeolocalizacións electrónicas e intervencións no espazo público- nos que reflexiona sobre a interacción entre o ser humano e o medio onde desenvolve a súa actividade. Neles, búscanse xeitos de documentar estes camiños creados polos peóns que debuxan redes de conexións e novas posibilidades de tránsito a través da cidade. Ditas liñas de traxectoria poden ser interpretadas como unha complexa interrelación entre o movemento mecánico, a capacidade de orientación e os cambios do medio no que teñen lugar. Por unha banda, os peóns tenden a coller o camiño máis curto cara o seu destino. Pola outra, procuran evitar as irregularidades do terreo. Por estes motivos unha persoa utiliza camiños existentes e, se a distancia relativa pode chegar a ser máis curta, crea novos atallos. Nun último momento, e se esta nova apertura é secundada por máis suxeitos, a vexetación desaparece e se delimita un trazo que confirma a apertura dun novo sendeiro. Non obstante, o fenómeno dos camiños de desexo tamén pode ser contemplado no sentido inverso, xa que a aqueles que deixan de ter un uso continuado vólvelles a crecer a herba e rematan por desaparecer. Esta lectura, determinada por continuas emerxencias e ocultamentos, comporta que o hipotético mapa da rede de atallos dunha cidade se reconfigure continuamente a través de longos procesos de cambio.

Como ocorre na portada deste libriño, os trazos xerados polos camiños de desexo vistos desde o aire reflicten un outro acontecer do urbano que comparte poucas características co relato veloz e o ritmo medido que lle presupoñemos á cidade. O proxecto céntrase nestas outras dinámicas urbanas que Teira revela ralentizando os tempos e mudando as escalas, deixando que a entropía faga o traballo: reactivando aquela benjaminiana liña discursiva que o artista norteamericano Robert Smithson establecera arredor da ruína como entidade ontolóxica. Nela, a propia actividade do pensamento e a percepción son entendidas como lugares en decadencia, ou máis concretamente, como ruínas en reverso: eventos do presente que na súa propia existencia levántanse como ruínas mesmo antes de teren sucumbido. Ao igual que Smithson, Teira semella sinalar que o espazo humano -galego, compostelán- é vítima dunha entropía que non se desenvolve exclusivamente como un desgaste físico do tempo sobre a materia -ou do tránsito dos peóns sobre as zonas axardinadas das cidades-, senón tamén como a corrupción inherente a todo acto de ver, e por extensión, a toda construción idealizada de paisaxe e territorio.

“...el ritmo es lo Desigual, lo Inconmensurable, siempre en estado de codificación. La medida es dogmática, pero el ritmo es crítico, une instantes críticos o va unido al paso de un medio al otro." Gilles Deleuze e Félix Guattari: Mil Mesetas. Capitalismo y esquizofrenia

Os camiños de desexo son realidades universais, cotiás, aparentemente sinxelas. A diferenza dos sendeiros rurais, a aparición de camiños de desexo urbanos dá lugar a redes miúdas, delimitadas polas parcelas destinadas a acoller espazos verdes das nosas cidades. Semellan xogos de nenos. Aínda que recollidos nalgúns coñecidos capítulos da arquitectura social post-68, os estudos destas alteracións urbanas non sobrepasan en moitas ocasións unha valoración funcional: a do urbanista compilando erros de planificación sobre un fluxo de camiñantes determinado. Ao igual que o resto da obra de Teira, Compostela: Camiños de desexo problematiza esta mesma situación, evidenciando unha fractura na linguaxe de patróns arquitectónicos e urbanísticos que rexe o territorio. O atallo, como antipatrón, emerxe dun plano poboado por unha multiplicidade de potencias. A herba curta e mesta dun xardín que prefigura toda unha serie de errancias posibles: as tribus que poboan o deserto sen que por iso deixe de ser un deserto. Con todo este material por estudar, podería semellar que cada unha das fotografías e xeolocalizacións que forman parte deste proxecto están destinadas á catalogación exhaustiva dos camiños de desexo na cidade de Santiago de Compostela, mais ningunha destas categorías formais responde ao modelo etnográfico da arte contemporánea que emprega as calidades do lugar específico para construír unha reflexión sobre un acontecer determinado. Pola contra, este proxecto captura unha realidade que se sitúa nun espazo indeterminado, nun espazo xenérico e non vivido: no espazo do afora ao que remiten ás guías turísticas e os libros de viaxes. Teira afonda con precisión neste mesmo estrañamento territorial noutra das súas pezas máis recentes, Vacas pastando (preto de Lakeside Road). Trátase dun óleo sobre lenzo que amosa o que a primeira vista podería semellar unha estereotipada paisaxe galega. En realidade, a imaxe é a copia dunha imaxe satelital de Google Maps tirada en Port Elisabeth, Sudáfrica. Tanto esta peza como Compostela: Camiños de desexo comparten unha mesma tendencia a pensar o espazo público galego desde a distancia, como algo alleo que sempre está determinado polo paso dun medio a outro. En ámbolos dous casos, o artista renuncia ao seu papel de etnógrafo, o que converte a acción de documentar camiños de desexo durante preto de tres anos nunha estratexia sen obxecto, nun medio sen fin; unha acción artística que debuxa sobre o mapa da cidade traxectos non necesariamente ligados ao desprazamento físico, senón ao mental. O de Teira é un procedemento obstinado, calmo e paciente que busca pensar o territorio a través de novos dispositivos de conceptualización. Novos dispositivos que non codifican o territorio, senón que o descodifican: non padecemos de incomunicación senón que, ao contrario, padecemos por todas as forzas que nos obrigan a expresarnos cando non temos gran cousa que dicir.

Esta táctica de xerar diferenza a través da repetición aplicada ás problemáticas territoriais lembra ao proceder de certos impulsos musicais que se dan na natureza, como o ritornelo. A aparición dos camiños de desexo nas cidades ben podería encarnar aquela forza inexpresiva da que falaban Deleuze e Guattari, aquela que territorializa sen moverse do sitio pero que se produce sempre entre dous polos e nun momento crítico: dos extremos ao centro, do centro aos extremos, sempre nos dous sentidos, establecendo ritmos, fabricando tempo. Como en toda compoñente rítmica, o ritornelo permanece nun estado de fórmula que evoca e convida, mais non substitúe o papel fundamental da audiencia -os camiñantes- que impulsa a creación de novos retrousos -de novos atallos-. Porén, este proxecto semella non tratar do artista experimentando o seu propio devagar, senón de todas aquelas outras persoas que xogan a desfacer o papel pautado da cidade producindo fugas, variacións, novas coordenadas aínda descoñecidas cara a terxiversación de toda certeza espacial. Pois, a saber, non é doado atopar alegoría máis adecuada e achegada ao noso contexto que un atallo de xardín para expresar a trivialidade da nosa relación co medio.

“Eu esquezo / esta é a teoría / perdín entre os meus poros a memoria / o círculo e a nube / Soterro contra o chan o meu corpo sen plumas / fronte ás ondas / os peixes nadan lento / e eu inmóbil / fronte as ondas / PORQUE EU SON O CAZADOR / SON UN ANIMAL / DE PERISCOPIO” Estevo Creus: Teoría do Lugar

Hoxe, o territorio galego camiña inexorablemente cara a suspensión habitacional -indefinida aínda que demoledora- de dúas terceiras partes da súa extensión. As migracións nacionais e internacionais que no pasado levaron a moitos galegos a traballar fóra do territorio, síntoma do subdesenvolvemento económico nos anos do desarrollismo, convertéronse na actualidade en migracións intranacionais, a súa vez síntoma do desenvolvemento económico das últimas tres décadas. A metade oriental do país amosa unha grande taxa de despoboación mentres o corredor atlántico absorbe o xa de por si feble e desigual crecemento demográfico galego. Neste contexto, a nosa principal tipoloxía habitacional, a aldea galega, está a quedar sen poboadores debido ás baixas posibilidades de emprego lonxe das cidades. O proceso de abandono do medio rural galego é un feito que avanza imparable no tempo. Evidentemente, moitas das problemáticas que se derivan deste balanceo demográfico transcenden a cuestión puramente xeográfica e afectan a outras moitas escalas, psicolóxicas e sociolóxicas, urbanísticas e artísticas, antropolóxicas todas en definitiva. A obra de Teira non é allea a esta situación e vese afectada polo devir do territorio e polos fenómenos migratorios que dan forma á cidade e ao campo galegos. Neste senso, Compostela: Camiños de desexo constitúe xustamente iso, unha acumulación de desprazamentos do campo á cidade e viceversa que expresan o punto de vista complementario e de combinacións asimétricas que se dan no espazo público galego. Os atallos se presentan e analizan como unha serie de fenómenos dislocados con respecto do seu posicionamento rural ou urbano, establecendo un espazo de reflexión na fenda que se abre entre a procedencia local do artista e as competencias cívicas que este desenvolve no seu lugar de residencia. Competencias en moitos casos e de novo, erráticas, que inciden na busca dunha vinculación radical coa terra difícil de achar.

Esta situación podería facernos pensar que moitos de nos formamos parte dunha sociedade tan desarraigada como estabilizada: o desarraigo afástanos da nosa cultura natural; a estabilidade, no desarraigo, condénanos á conservación da raíz como un apéndice desprovisto da súa función orixinal. Tal é así que vivimos desarraigados dabondo como para descoñecer a potencia da terra e do mar, mais estabilizados na medida en que a nosa relación co medio é a dunha explotación cínica, sustentable. O desenvolvemento, como marco constituínte de toda idea de país, semella non permitir espazo algún liberado da comercialización do territorio. Sexa en termos positivos ou negativos, tan so acertamos a pensar e actuar nun único vector de dirección. Hoxe, o noso ser no mundo xa non precisa de estar en condicións de practicar alternativas a esta unidireccionalidade, senón de comezar, custe o que custe, a imaxinalas.