warning: Creating default object from empty value in /var/www/vhosts/baleiro.org/httpdocs/sites/all/modules/i18n/i18ntaxonomy/i18ntaxonomy.pages.inc on line 34.

As tácticas do adversario

Este espazo televisivo xorde do convite que a Normal, o centro de intervención cultural da Universidade de A Coruña, fai ao colectivo Baleiro no marco da exposición As tácticas do adversario, e que Baleiro, pola súa vez, afronta en cooperación con Galiza Ano Cero

Residencia Artropocode / Summer of Labs 2013

Un SummerLAB é un encontro de Cultura Libre, unha oportunidade para traballar en conxunto cunha gran variedade de creadores, investigadores e activistas no contexto da cooperación e o intercambio aberto. O evento concentra no mesmo lugar a un número indeterminado de persoas con coñecementos diversos e organizadas en torno a nodos – grupos de traballo temáticos. Os nodos son propostos de maneira libre e, por un proceso natural de interacción, adoitan xerar oportunidades de aprendizaxe abertas e colaboracións emerxentes.

Para o verán do 2013, a rede Arco Atlántico decidiu programar unha residencia en Compostela dentro do programa Summer of Labs, que pretende emular a experiencia do ano anterior na que se sucederon unha serie de eventos/laboratorio en diferentes vilas e cidades ao longo da costa atlántica de Europa e África – desde Nantes (Francia) a Casablanca (Marrocos), pasando polo País Vasco, Galicia e Portugal.

Canles alternativas de creación

"Canles Alternativas de Creación Experimental. O Eixo Atlántico: 1975-2010" é un proxecto de investigación do grupo Artconte. Arte e Estética Contemporánea, do Departamento de Historia da Arte da USC. Baleiro colabora neste proxecto en varios campos. Por exemplo, editando e publicando resultados da investigación, ben a través dos libros que recollen as actas dos seminarios impulsados polo Grupo de Investigación, ben nunha serie de entrevistas en vídeo realizadas a diferentes axentes do Noroeste Peninsular. Trátase de pezas documentais feitas en espazos relacionados coa creación contemporánea, algúns xa desaparecidos e outros en activo, pero que por un ou outro motivo supoñen unha alternativa aos habituais referentes do circuito artístico oficial.

Encontros Off

Os Encontros Off son unha proposta de acción directa no eido da programación cultural e a acción artística galega, que xorde de xeito colectivo integrando diferentes axentes procedentes das artes plásticas, as artes escénicas, o mundo editorial e o mundo audiovisual en Galicia. Fronte ás políticas culturais do evento, da industrialización e da espectacularización cultural os Encontros Off apostan polo fortalecemento e a creación dun tecido artístico profesional que teña a capacidade de xestionar, producir e distribuír de xeito autónomo as súas creacións ou de relacionarse de xeito horizontal cos xestores, produtores e distribuidores culturais.

Baixa intensidade

As guerras de baixa intensidade (GBI) involucran loitas prolongadas de principios e ideoloxías, que se desenvolven a través dunha combinación de medios políticos, económicos, de información e militares. Poderiamos pensar que sempre estamos en guerra, o que sería tan natural como pensar que sempre estamos desenvolvendo accións culturais. O concepto de baixa intensidade utilízase tamén para falar de exercicios corporais que axudan a incrementar a resistencia física e o fondo. Trátase de movementos periódicos e de ritmo lento, que se confunden en ocasións cos movementos cotiás.

Baixo terra

Baixo terra agrupa a nosa actividade relacionada coa música e o son. A través de concertos e charlas queremos achegarnos aos creadores que aportan experimentación e risco co seu traballo, e que por ese mesmo motivo, fáiselles difícil atopar un espazo onde desenvolver as súas actividades. Debido aos condicionantes da sala, Baixo terra promove concertos de cámara, pensados para un aforo máximo dunhas 45 persoas onde músicos e público poidan disfrutar de concertos cómodos e cun certo grao de intimidade.