warning: Creating default object from empty value in /var/www/vhosts/baleiro.org/httpdocs/sites/all/modules/i18n/i18ntaxonomy/i18ntaxonomy.pages.inc on line 34.

Como medir un planeta

A tecnoloxía empregada por unha sociedade reflicte o xeito en que esta observa, interpreta e intervén o medio ambiente. Por este motivo, un amplo repertorio de medidas tradicionais perdurou en Galicia fronte á progresiva implantación do sistema métrico decimal desde os anos da Ilustración. Mais o proceso de adaptación non foi inocuo: a conversión técnica levou aparellada a substitución dos vellos métodos fragmentarios e locais por un novo ideario científico, global, baseado nos principios de igualdade e xustiza das revolucións liberais. Estes esforzos, aplicados principalmente nos ámbitos educativo e industrial, influíron decisivamente nas connotacións que termos como “progreso”, “desenvolvemento” ou “benestar” adquiren cando son aplicados ao país.

Camiños de desexo

Compostela: Camiños de desexo é un proxecto documental para a creación dun arquivo onde se recollan tódolos atallos existentes na cidade. Dende o ano 2008, o artista Ismael Teira vén realizando exploracións-paseo no territorio, localizando e fotografando estes camiños máis curtos. Durante o ano 2011 presentarase o resultado final do proceso, materializado nunha edición limitada e un mapa.

Desastres estruturados

No ano 2006, parte dos que hoxe formamos Baleiro convidamos a un grupo de artistas galegos a tomar parte nun proxecto de intervención artística. Concebido ao mesmo tempo coma un proxecto expositivo e de creación, Desastres Estruturados afondaba nas posibilidades de interacción entre dous espazos arquitectónicos con forma, contidos e significados diferentes. Os sotos da Residencia Universitaria Monte da Condesa [e-1], empregados durante anos como almacén, foron empregados como  espazo de produción artística durante catro meses, de xaneiro a maio de 2005, antes da súa reforma e acondicionamento para un uso académico.

A cidade como experiencia artística

Inscritos nas xornadas Arte en contexto. Arte, educación e cidadanía (CGAC, 2006-2007, A cidade como experiencia artística son unha serie de obradoiros que buscan vínculos entre a acción educativa e a creación artística contemporánea. Entendendo a educación como un proceso artístico, desenvolvemos accións a través das cales se poden operar cambios na forma de entender esa relación entre as manifestacións artísticas contemporáneas e a sociedade. Cada acción supón unha actuación reivindicativa do papel da arte na vida e, polo tanto, na experiencia do individuo. Ademais de evidencialo, é preciso ir dando pasos de cara a unha educación formulada dende o punto de vista da arte.

Proxecto procesos1

Consideramos que o CGAC é un espazo de educación e de investigación, precisamente por eses dous puntos  parecíanos moi lóxica a vinculación coa Universidade. A calidade do resultado visual e plástico está na liña de  creadores internacionais acreditados e supera con creces as expectativas da formación meramente académica. Así comezaba Miguel Fernández-Cid -director do Centro Galego de Arte Contemporánea- a presentación en rolda de prensa de Proxecto procesos1: unha proposta expositiva que quedou aberta ao público durante máis de dúas semanas e que pretende ser unha invitación a descubrir algúns dos aspectos que rexen a imaxe contemporánea.

Arte+Espazo público

Arte+Espazo público é un proxecto organizado polo Consello da Cultura Galega, Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas e coordinado por María Luísa Sobrino que reflexiona sobre a relación que se establece entre arte e espazo público como unha das máis importantes da creación contemporánea. A súa conexión e vinculación directa cos estratos políticos e sociais, así como urbanísticos e económicos, seguen a presentar unha ampla e complexa posición de conflito que precisa constantemente de novas estratexias de análise.

Evasión ou vitoria

Evasión ou Vitoria é o nome que Culture Workers e Baleiro lle demos a un proxecto que quere servir de canle de comunicación entre colectivos que están a enriquecer o panorama cultural galego con propostas diversas. A idea é experimentar cunha estrutura que sirva para cruzar coñecementos sobre problemáticas que afectan aos nosos diferentes campos de acción. Para isto, tentaremos afastarnos dos formatos habituais de encontro (foros, festivais, feiras) para armar un taboleiro de xogo que nos force a manter un contacto estable e ao mesmo tempo flexible entre as forzas da cultura de base en Galicia.

Ponlle nome

O proxecto Ponlle nome desenvolveuse entre finais do 2008 e comezos do 2009 na Igrexa da Universidade de Santiago de Compostela. O espazo, que habitualmente se emprega como sala de exposicións, mudou durante unha temporada cara obradoiro en constante cambio: unha oficina de recepción e produción de propostas críticas co ámbito cultural cercano.

Maio 08

Escoller os acontecementos de Maio do 1968 como motivo de reflexión non responde a unha interese especial deste equipo de xente pola revisión histórica, senón máis ben a unha imposición temática forzada polo calendario. 40 anos, unha coincidencia numérica que, naturalmente, non se lle escapará a multitude de programadores institucionais, foros de debate, museos, festivais de cine, centros de investigación, que porán de novo de actualidade (durante algún tempo) as preguntas e os cambios sociais enmarcados nesa época.

Roteiro en estado crítico. Gabinete de crise

Artistas, deseñadores e outras persoas implicadas na producción e difusión da cultura, reuníronse do 8 ao 13 de xuño de 2009 en Santiago de Compostela, para reflexionar e debatir sobre as posibilidades do traballo creativo na sociedade actual en tempos de crise. Desde Baleiro non quixemos deixar pasar a invitación a participar dos organizadores Laboratorio de Creación Artística (a asociación detrás de Roteiro de Creación, que desde fai tres anos activa a cidade con obradoiros e visitas a talleres de artistas), e propuxemos unha charla ao longo dunha tarde na que repasamos algúns proxectos baseados no concepto de cultura de baixa intensidade.